Carlos Rodríguez Dacal presenta o monográfico máis completo sobre o Xardín Botánico Artístico de Padrón

O auditorio municipal de Padrón acolleu esta tarde a presentación do libro Xardín Botánico-Artístico de PadrónAo servizo da Ciencia e da Sociedade, de Carlos Rodríguez Dacal, doutor en Ciencias Biolóxicas, catedrático de Ciencias Naturais e antigo conservador do xardín padronés. Trátase do monográfico máis completo publicado a data de hoxe sobre este emblemático espazo verde padronés, que en apenas unha hectárea de terreo atesoura unha gran riqueza patrimonial, paisaxística, botánica, científica e artística, pero tamén nun espazo de divulgación e de ocio.

O libro permítelle ao lector mergullarse na historia de Padrón e, ao mesmo tempo, recompila nun só volume o que significa o Xardín Botánico Artístico, escrito por unha persoa que o coñece a fondo. Dende unha perspectiva interdisciplinar e ao longo de máis de 270 páxinas a obra, promovida e editada polo Concello de Padrón, aborda a historia, a cultura, a arte, a natureza, a vida e a funcionalidade deste espazo histórico, declarado Ben de Interese Cultural con categoría de xardín histórico no ano 1946. Como subliña o autor na súa introdución “faltaba un libro que abordase, con enfoque interdisciplinar, planteamento científico e carácter divulgativo o que vale e o que representa o xardín padronés. Esta obra é a monografía máis completa sobre este espazo”, asegura o autor.

Rodríguez Dacal confesa que a súa traxectoria profesional houbese sido ben distinta sen a comuñón mantida co Xardín Botánico-Artístico de Padrón, o “Xardín dos meus Amores”, como se refire a el. Ninguén mellor que el coñece todos os seus recunchos, os seus segredos, as súas estruturas e os máis de 200 exemplares, autóctonos e foráneos. “A redacción deste libro éncheme de orgullo e de satisfacción; é un xeito de honrar ao xardín, de poñer en valor este espazo e facelo figurar entre os máis relevantes”, remarca o que foi o conservador deste patrimonio vivo padronés, agradecendo ao Concello a iniciativa.

A obra, encomenda polo Concello de Padrón ao doutor en Ciencias Biolóxicas e conservador do xardín dende 1986 ata hai algo máis dunha década, é froito de meses de traballo e de investigación, de horas de mergullo documental e de consulta bibliográfica na procura de datos, fotografías, recortes de prensa, actas, e mesmo de recompilación de tradición oral. Ao longo das súas páxinas Rodríguez Dacal vai debullando as reviravoltas que converteron ao xardín nunha obra mestra da arte da xardinería e no xardín modélico de Galicia, a súa historia (xardín botánico artístico, xacobeo, rosaliano, con ánima de poetas…), o seu equipamento arquitectónico (peche perimetral, edificio multiusos, o invernadoiro, as fontes monumentais, etcétera) e o seu bagaxe escultórico (estatua de Macías O Namorado, Rosalía de Castro, os bustos de Castelao e de Ernesto Gende e mesmo o Banco dos Namorados).

Non podía faltar no libro unha ollada ao catálogo florístico e a relación de Árbores Monumentais e Singulares como a palmeira do Senegal, a Coroa de Cristo, o castaño de Indias, as sequoias de Rosalía de Castro e a de Macías O Namorado, o carballo Fastigiado, o sombreiro de copa, a árbore de coral, o carpes ou a T de plátanos de sombra. E mesmo a de plantas memorables que atesoura o xardín padronés (como o drago de Agüimes, a sabina de Aranda del Duero; o  boj do Nobel o pedrón do Apóstolo, a figueira de Rosalía ou o carballo de Castelao, entre outros).

Mención aparte representa o capítulo titulado Ao Servizo da Ciencia e da Sociedade onde o autor aborda a figura do conservador do xardín, os trimestres de charlas educativo-culturais pola que pasaron infinidade de escolares de Galicia, a celebración do día da Árbore e da Comunidade Escolar, os cursos de formación, os libros de firma e mesmo as publicación realizadas en torno ao pulmón verde de Padrón, emblema da vila con máis de século e medio de existencia.

Xardín Botánico-Artístico de Padrón. Ao servizo da Ciencia e da Sociedade, editado tanto en galego como en castelán polo Concello de Padrón, é unha porta aberta, unha invitación a descubrilo en toda a súa magnitude. As concelleiras de Cultura, Lorena Cousa, e Participación Cidará, Carmina Bustelo, asistiron á presentación, que se celebrou no auditorio municipal.

A conciliación de verán visita o Xardín Botánico

Unha quincena de rapaces e rapazas do programa de conciliación do centro ocio padronés Barallocas participaron o pasado martes das visitas guiadas ao Xardín Botánico-Artístico de Padrón que o departamento de Turismo do Concello de Padrón ten programadas para este verán.

A rapazada, con idades comprendidas entre os 5 e os 10 anos, amosou unha grande expectación durante toda a actividade e participou activamente formulando preguntas e compartindo as súas impresións sobre os aspectos que máis lles chamaron a atención da visita.

As visitas guiadas ao Xardín, que se realizan durante os meses de xullo e agosto (todos os sábados ás 11.00h da mañá), son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono +34 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. O número máximo de participantes é limitado (19 persoas por visita), atendendo ás normas de seguridade para a prevención do Covid-19.

A excursión da ANPA As Loiras de Catoira a Padrón

O pasado sábado 11 de xullo o animado grupo da “ANPA As Loiras” de Catoira (Pontevedra) achegouse a Padrón para coñecer de preto a riqueza patrimonial de Padrón.  Logo de visitar a Casa Museo de Rosalía de Castro, o grupo participou na visita guiada promovida polo departamento de Turismo de Padrón. Durante a xornada, a rapazada e as persoas acompañantes desfrutaron das particularidades deste icónico Xardín.

As visitas guiadas ao Xardín, que se realizan durante os meses de xullo e agosto (todos os sábados ás 11.00h da mañá), son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono +34 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. O número máximo de participantes é limitado (19 persoas por visita), atendendo ás normas de seguridade para a prevención do Covid-19.

Comezan as visitas guiadas ao Xardín Botánico Artístico de Padrón

Preto de unha quincena de persoas participaron na primeira das visitas guiadas ao Xardín Botánico-Artístico de Padrón, unha cita que tivo lugar o pasado sábado 4 de xullo. Esta  actividade, que gozou de boa acollida por parte das persoas participantes, está enmarcada nas liñas de acción do Plan de Reactivación do Sector Comercial e Turístico que o Concello de Padrón vén de deseñar tras a crise sanitaria do Covid-19.

As visitas guiadas ao Xardín, que se realizan durante os meses de xullo e agosto (todos os sábados ás 11.00h da mañá), son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono +34 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. O número máximo de participantes é limitado (19 persoas por visita), atendendo ás normas de seguridade para a prevención do Covid-19.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies