O Xardín Botánico Artístico de Padrón únese á rede de destinos Observer con interese científico

Dende o pasado mes de xaneiro, o Xardín Botánico Artístico de Padrón suma aos seus innumerables recoñecementos a certificación Observer para espazos singulares. Tal e como subliña a concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, “trátase dun selo de calidade que recoñece tanto o seu alto valor natural como o seu óptimo estado de conservación ou as facilidades que ofrece para coñecelo e visitalo, todas elas circunstancias que lle permiten sumarse á Rede de destinos Observer con interese científico”.

Entre os puntos fortes do Xardín botánico padronés, a certificación Observer salienta a simbiose entre natureza e cultura con “numerosas especies botánicas catalogadas como singulares e multitude de puntos de interese que fan referencia a autores locais que definiron a historia de Galicia”. Tamén destaca as “coidadosas” medidas de conservación do parque e a “abundante información dispoñible” na páxina web de Turismo de Padrón e no propio parque, que conta con códigos QR situados nas principais localizacións.

Outro dos puntos nos que incide a certificación é a realización de visitas guiadas e de actividades para os colexios, subliñando a aposta por empresas da zona para levalas a cabo.

A inclusión do Xardín botánico artístico de Padrón na rede de destinos Observer con interese científico enmárcase nas accións que está a desenvolver a Concellaría de Turismo para promocionar o patrimonio padronés en todos os ámbitos e atraer visitantes con perfís específicos, contribuíndo tamén á creación de novos produtos e á desestacionalización. Ademais, apunta a concelleira Lorena Couso, “queremos que a xente de Padrón coñeza cada vez mellor os excelentes recursos cos que contamos, que se sinta orgullosa deles e os desfruten”.

Observer é unha entidade certificadora especializada en sistemas de calidade para empresas e destinos de turismo científico e conta na actualidade con máis de 400 destinos recoñecidos en toda España, na súa maioría en Galicia. Entre os seus obxectivos atópase precisamente o de contribuír a impulsar espazos, na maioría das ocasións pouco coñecidos, de gran interese científico para outorgarlle maior visibilidade.

A penúltima visita ao Xardín Botánico de Padrón e a súa boa acollida

O pasado sábado tivo lugar a penúltima visita programada ao Xardín Botánico Artístico de Padrón e contou cunha importante participación. Un total de once persoas, procedentes de A Coruña, Noia, A Estrada, Pontecesures e Vigo puideron coñecer dun xeito máis próximo algunha das xoias botánicas e monumentais que aquí se atopan.

As visitas guiadas ao Xardín, que se realizan durante os meses de xullo e agosto (todos os sábados ás 11.00h da mañá), son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono +34 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. O número máximo de participantes é limitado (19 persoas por visita), atendendo ás normas de seguridade para a prevención do Covid-19.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies