O Xardín Botánico Artístico de Padrón únese á rede de destinos Observer con interese científico

Dende o pasado mes de xaneiro, o Xardín Botánico Artístico de Padrón suma aos seus innumerables recoñecementos a certificación Observer para espazos singulares. Tal e como subliña a concelleira de Turismo de Padrón, Lorena Couso, “trátase dun selo de calidade que recoñece tanto o seu alto valor natural como o seu óptimo estado de conservación ou as facilidades que ofrece para coñecelo e visitalo, todas elas circunstancias que lle permiten sumarse á Rede de destinos Observer con interese científico”.

Entre os puntos fortes do Xardín botánico padronés, a certificación Observer salienta a simbiose entre natureza e cultura con “numerosas especies botánicas catalogadas como singulares e multitude de puntos de interese que fan referencia a autores locais que definiron a historia de Galicia”. Tamén destaca as “coidadosas” medidas de conservación do parque e a “abundante información dispoñible” na páxina web de Turismo de Padrón e no propio parque, que conta con códigos QR situados nas principais localizacións.

Outro dos puntos nos que incide a certificación é a realización de visitas guiadas e de actividades para os colexios, subliñando a aposta por empresas da zona para levalas a cabo.

A inclusión do Xardín botánico artístico de Padrón na rede de destinos Observer con interese científico enmárcase nas accións que está a desenvolver a Concellaría de Turismo para promocionar o patrimonio padronés en todos os ámbitos e atraer visitantes con perfís específicos, contribuíndo tamén á creación de novos produtos e á desestacionalización. Ademais, apunta a concelleira Lorena Couso, “queremos que a xente de Padrón coñeza cada vez mellor os excelentes recursos cos que contamos, que se sinta orgullosa deles e os desfruten”.

Observer é unha entidade certificadora especializada en sistemas de calidade para empresas e destinos de turismo científico e conta na actualidade con máis de 400 destinos recoñecidos en toda España, na súa maioría en Galicia. Entre os seus obxectivos atópase precisamente o de contribuír a impulsar espazos, na maioría das ocasións pouco coñecidos, de gran interese científico para outorgarlle maior visibilidade.

Deixa un comentario

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies