Preto de unha quincena de persoas participaron na primeira das visitas guiadas ao Xardín Botánico-Artístico de Padrón, unha cita que tivo lugar o pasado sábado 4 de xullo. Esta actividade, que gozou de boa acollida por parte das persoas participantes, está enmarcada nas liñas de acción do Plan de Reactivación do Sector Comercial e Turístico que o Concello de Padrón vén de deseñar tras a crise sanitaria do Covid-19.
As visitas guiadas ao Xardín, que se realizan durante os meses de xullo e agosto (todos os sábados ás 11.00h da mañá), son de balde e requiren de inscrición previa na Oficina de Turismo de Padrón, no teléfono +34 646 593 319 ou no correo turismo@padron.gal. O número máximo de participantes é limitado (19 persoas por visita), atendendo ás normas de seguridade para a prevención do Covid-19.